Parroquias

imagen

Listado

Bóveda, San Martiño de

356 habitantes .Formada polos lugares de Souto, Pacios e Bóveda, capital administrativa do Concello. A igrexa parroquial de Bóveda, completamente moderna, construída no segundo tercio do século XX. Ten planta rectangular con tellado de pizarra a dúas augas. A igrexa orixinal atopábase o pé do cemiterio, a carón do Pazo de Bóveda, pero derrubouse e os seus materiais aproveitáronse para ampliar o mesmo, reutilizándose para a igrexa actual a espadana e outros elementos graníticos.Destaca nesta parroquia o Pazo de Bóveda:edificio de planta rectangular do ano 1769, e a Casa de Fernández, que conserva na súa fachada un escudo de granito pertencente a un antigo Pazo dos Marqueses de Villaverde de Limia.Atopamos tamén varios muíños, entre os que destaca o muíño de Xil pola seu bo estado de conservación.

Freituxe, Santiago de

27 habitantes distribuidos en dúas entidades de poboación: Covelo e Freituxe. A primeira vez que se fai referencia a Freituxe, é no testamento maior do Bispo Odoario, no que aparece como Villa Fructuosi, no ano 747. Con posterioridade a esta data, sendo abade Lope de Barrera,o beneficio de Freituxe pasa a depender do Mosteiro de Samos.A igrexa parroquial data do s.XVII.Destaca nesta parroquia a Casa do Priorato, que conserva o escudo da Abadía de Samos esculpido en mármore, representando, dentro dun campo ovalado, unha man con espada e outra con palma.

Guntín, San Cristovo de

85 habitantes agrupados en 5 entidades: Aquelcabo,Arroxo, Lamarredonda, Pardiñas e Vilar. No ano 1668 D. Juan Rodríguez de Ver fundou a capelanía de San Lázaro na igrexa parroquial.Igrexa que data do s.XVIII. Antecede ó edificio un pórtico con teito a tres augas. Trátase dunha construcción con nave de planta rectangular e muros de mampostería enlucidos, con cuberta de madeira e pizarra a dúas augas.No Campo da Mamoela atópase a Capela do Rosario, construída no ano 1832 e que posue un cruceiro no exterior. No lugar de Vilar sitúase a Capela da Casa de Pedregal, posiblemente do s.XIX, con planta rectangular e cuberta a dúas augas.No lugar de Aquelcabo destaca o Pazo de Guntín; edificio de planta en U, con muros de mampostería de pizarra.A súa porta principal, en arco de medio punto, conserva un escudete con representación de barras e peixes, cunha cabeza de león sobre eles.Conserva outros escudos con motivos similares na porta interior e na torre oeste.

Martín, San Cristovo de

149 habitantes agrupados nas entidades de Bustelo, Casbeiro, Couso, Lamela, Lomba, Martín, Outeiro, Piñeiro, A Raíña, Reboredo e Regulfe. A primeira referencia a esta parroquia témola no ano 1238, no que Miguel Yáñez Cerdeira e a súa muller, venden ó abade do Mosteiro de Meira a herdade que teñen na vila de Martín. A igrexa parroquial data do s.XVII.Trátase dun edificio de tres naves, separadas por arcos de medio punto, con muros de mampostería de pizarra e cuberta a dúas augas. A capela maior, diferenciada das naves en alzado e planta ten cuberta a catro augas, estando adosada a sancristía polo seu costado sur. A igrexa ardeu na Guerra Civil, desaparecendo os retablos e imaxes orixinais. A Capela de Santa Lucía representa outro dos bens culturais existentes nesta parroquia. De planta rectangular, con muros de mampostería en pizarra, a entrada está precedida por un pórtico, soportado pola prolongación dos muros laterais.No lugar de Couso atopamos a Capela do mesmo nome, nun bo estado de conservación.Na arquitectura civil destaca a Casa do Pacio. Desta casa teñen as súas orixes os Somoza(Somoza Maior de Lemos).A estrutura orixinal está moi alterada, conservando nas súas paredes tres escudos, un, cuarteado en cruz, co brazo empuñando a maza, un león rampante, tres lises e seis dados punteados(armas dos Somozas); outro, de peor factura, leva catro lises, seis dados, a maza e unha cruz, e no terceiro, de características semellantes o anterior aprécianse unicamente tres lises.A casa conta tamén cun pombal de planta circular.Outros exemplos de arquitectura civil son a Casa Grande de Lamela, a Casa Grande do Couso,e podemos atopar tamén nesta parroquia antigos muíños, coma o da Carballeira e o muíño do Gómez.

Mosteiro, San Paio de

9 habitantes agrúpanse na entidade de Mosteiro. Certo ou non, fálase da existencia dun antigo mosteiro benedictino, ó cal debería o seu nome esta parroquia. A igrexa de Mosteiro data do s.XVII, sendo a súa planta rectangular,construída en muros de mampostería de pizarra.Mediante un arco de medio punto rebaixado accédese á capela maior, a distinta altura ca nave.Parece ser que na súa orixe contaba cun pórtico columnado que rodeaba toda a igrexa.

Remesar, San Xoán de

Conta cos núcleos de A Portaxe,Ontaiña, Penacoba e Remesar,agrupando a 54 habitantes.A primeira referencia a Remesar, aparece nun documento da Catedral de Lugo, do ano 891, no que se cita como lugar do Val de Lemos. Posteriormente, Juan de Padromao abade de Castro de Rei, fai carta de foro, no 1502, sobre varias casas e herdanzas desta parroquia.A igrexa parroquial data do s.XVII.Trátase dun edificio con dúas naves, de planta rectangular e muros de mampostería de pizarra enlucidos, con cuberta de madeira e pizarra a dúas augas. En A Portaxe sitúase a Capela da Virxe dos Dolores, do s.XVIII aínda que moi reformada. Destaca en Penacoba, a Ferrería do mesmo nome, da que temos unha primeira referencia no ano 1780.Presenta un bo estado de conservación, conservando a fragua, o mazo, os foles, a maquinaria hidráulica en xeral en funcionamento gracias a súa restauración.No mesmo lugar atopamos o Muíño de Penacoba, tamén ben conservado.En A Portaxe consérvanse restos do Muíño do Fidalgo.

Ribas Pequenas, Santiago de

122 habitantes distribuídos en 5 núcleos de poboación: A Áspera, Chorente, Igrexa, Souto e Veiga. A igrexa parroquial, reconstruída no s.XVII.Edificio de planta rectangular con muros de mampostería de pizarra e cuberta, de madeira e pizarra a dúas augas. No seu interior distribúense dúas naves, comunicadas por dous arcos de medio punto. No lugar de Souto sitúase a Casa do Coronel; edificio con planta de U, ó redor dun patio pechado, con muros de mampostería en pizarra e cuberta, a catro augas, en madeira e pizarra.Na súa fachada hai un escudo, de apariencia recente, coas armas dos Somoza. En A Veiga, podemos destacar O Refuxio da Curuxa,trátase dun edificio de planta en L, estruturado ó redor dun patio pechado.Destacar tamén nesta parroquia o Muíño de Maseda, actualmente en funcionamento.

Rubián, Santiago de

369 habitantes agrupados nunha única entidade: Rubián.A nota máis antiga desta parroquia aparece nun documento da Catedral de Lugo, datado o 17 de novembro de 1202. A igrexa parroquial, do s.XVIII,ten planta rectangular. A capela maior, diferenciada en planta da nave por ser máis estreita, antecédea un arco de medio punto en granito, e ten a sancristía adosada. De grande importancia na parroquia é a Capela do Ecce Homo, do s.XVIII.Trátase dun edificio de planta en T, con muros de mampostería en pizarra. A nave, con cuberta a dúas augas en madeira e pizarra, comunica coa capela maior, diferenciada desta en planta e alzado e con cuberta a catro augas, por un arco de medio punto.

Rubián, San Fiz de

116 habitantes agrupados nas entidades de Eimer, San Fiz e O Gruñedo. Aparece relacionada co Mosteiro de Samos unha bula de confirmación do Papa Alejandro III, do ano 1175, pola que os monxes poden seguir disfrutando dos dereitos xurisdiccionais que lles correspondían de antigo. A igrexa parroquial, do s.XVI, aínda que moi reformada, presenta planta rectangular. A capela maior, sepárase da nave por un arco de medio punto, estando a sancristía adosada ó seu costado norte. No lugar de Eimer podemos visitar a Casa Torre de Eimer, e a súa Capela.Non se conserva a torre da casa, inda que consta como reconstruída no século XVII, nin a solaina. A pesares disto, aínda conta coa capela e un escudo, en mármore, situado na fachada leste. No lugar de O Gruñedo atopamos outra mostra interesante da arquitectura civil na Casa Torre do Gruñedo.

Teilán, Santa Baia de

239 habitantes agrupados nos núcleos de Vales, Ribeira, e Souto. No ano 1402 o abade de Castro de Rei de Lemos, Enrique Martínez, afora a Diego López de Somoza o lugar de Carballedo desta parroquia. Anos despois, no 1474 Frai Juan de Aián, hace foro a Leonor Afonso de Castroferos do Casal de Carballedo.A igrexa parroquial, do S.XVII, ten planta rectangular e muros de mampostería de pizarra, con cuberta a dúas augas e madeira de pizarra. Acccédese á capela maior mediante un arco de medio punto, e ten adosada, ó sur a sancristía.No lugar de Ribeira destaca o Pazo de Ribeira.A entrada da casa, en arco de medio punto, ten unha inscrición indescifrable na que parece que se facía referencia ó linaxe dos señores.No lugar de Ribeira atópase a Casa da Torre. O edificio en sí non é destacable pero, apesares diso, o topónimo de Casa da Torre, xunto co feito de que a esta casa pertenza unha imaxe de Sta. Baia, que se garda no Pazo de Ribeira, fainos pensar na posibilidade de que esta construcción, fora a casa orixinal do Pazo antes de se construir o actual.Podemos atopar nesta parroquia antigos muíños coma o Muíño da Chousa, en Souto;Muíño do Sancho, en Vales.

Tuimil, Santa María de

134 habitantes agrupados en 6 entidades de poboación: Tuimil, Mazaira,Castro, San Xurxo, Barxa, A Abelleira, Meruz, Xulián e Ribeira. No ano 1175, nunha bula do mosteiro de Samos, aparece a igrexa de Santa María de Toemir.Máis adiante, no ano 1430, Gómez Ares, vende a Vasco Fernández, todas as súas herdades en Xulián, feligresía de Santa María de Toymil, sendo notario de la Somoza un tal Lorenzo. A igrexa parroquial data dos s.XVII-XVIII. Edificio de tres naves, con muros de mampostería de pizarra e cuberta a dúas augas, separadas entre sí por dous arcos de medio punto en granito.No lugar de Xulián atópase a Capela de S. Pedro; edificio de planta rectangular e muros de mampostería de pizarra enlucidos, con cuberta a dúas augas en madeira e pizarra.Sobre a porta levántase un campanil dun só vano.Na arquitectura civil destaca no lugar de A Abelleira, a Casa da Abelleira. Destacan varios hórreos ben conservados no lugar de Xulián, e os Muíño de Vilaboa, de Pena, de Barxa, e do Pardo.

Ver, San Vicente de

95 habitantes agrupados en los lugares de Sucastro, Concheiros, Outeiro e Ver. No Concilio de Oviedo, no século IX, aparece como Vaer nun documento ó sinalizar as lindes da xurisdicción do mosteiro de S. Vicente do Pino. E con Alfonso IX, o mesmo nome escrébese nun privilexio a favor da igrexa de Lugo. O templo parroquial data do S.XVII. Edificio de planta rectangular, construído sobre un castro, con muros de mampostería de pizarra enlucidos. A capela maior, diferenciada da nave en planta e alzado, sepáraa da nave un arco rebaixado de medio punto, e ten a sancristía adosada ó alzado norte.No lugar de Sucastro sitúase a Casa Torre de Ver.Trátase dun conxunto distribuído ó redor dun patio central, no que atopamos, aparte do edificio principal, un notable número de edificacións de carácter agrícola. O edificio principal, reconstruído en 1761, según reza unha inscrición sobre a porta principal, é unha construcción de planta rectangular, con muros de mampostería de pizarra, e cuberta a catro augas, en madeira e pizarra. En Ver atopamos un peto de ánimas de construcción recente pero aproveitando materiais dun anterior.Está cuberto por unha cornixa moldurada sobre a que se situou unha cruz latina.

Vilalpape, San Bertomeu de

44 habitantes distribuídos en 3 núcleos de poboación: Vilar, Marzán e A Agüela. No ano 1221, o realengo de Vilalpape foi cedido, por Alfonso IX, ó mosteiro de Castro de Rei de Lemos. En 1522, os habitantes de Vilalpape, presentan vasalaxe o abade de Montederramo.A igrexa parroquial, do s.XVII, ten planta rectangular, con muros de mampostería de pizarra e cuberta a dúas augas feita en madeira e pizarra. No seu alzado norte levantouse a sancristía.Atopamos cruceiros en Vilalpape e Marzán.

Vilarbuxán, San Bertomeu de

25 habitantes agrupados na entidade de Vilarbuxán e A Fontaiña. Nun documento da Catedral de Lugo, datado en 1202, léese Villarbugia. A parroquia actual creouse en 1891, con terreos de San Fiz de Rubián, Remesar e Castro de Rei de Lemos. A igrexa parroquial, reedificada a finais do século XIX, ten planta rectangular con muros de mampostería. A cuberta é de madeira e pizarra a dúas augas. Ardeu na Guerra Civil, sendo recosntruída no ano 1941.