Ruta de Os Trollos-Ribas Pequenas-Bóveda
Lonxitude: 5,4 qm.
Dificultade: Baixa.
Duración: 1hora e 30 minutos
O inicio da ruta está na entrada do viveiro forestal de Os Trollos: Aula Forestal habilitada para actividades educativas e divulgativas sobre o mundo forestal. Hai que sair a estrada que une Lugo con Monforte de Lemos e camiñar cara a Monforte uns 100m, onde xiramos á esquerda por unha estrada que conduce a Ribas Pequenas, localidade situada a 1,2 qm. Neste lugar a topamos a Casa do Coronel, unha construcción de tipo pazo.
Máis adiante, á altura dunha ponte que cruza o río Mao, está o muíño de O Maseda. Este muíño é un dos poucos que ainda seguen en funcionamento na comarca de Lemos. Presenta un excelente estado de conservación e no interior garda tódolos elementos típicos desta industria artesanal, o que lle confire un interesantísimo valor etnográfico.
Unha vez finalizada a visita ó muíño, cruzamo-la ponte sobre o río Mao e xiramos á esquerda atravesando o núcleo principal de vivendas de Ribas Pequenas. No qm 3,5 tomamos un desvío para Ver, e continuamos ata o qm 4,3, onde viramos á esquerda en dirección a Bóveda. Uns 300m máis adiante atravesamos o río por unha ponte e entramos na capital municipal. Xiramos á dereita e a altura dun lavadeiro voltamos a xirar á dereita.
O último quilómetro da ruta transcorre á beira do río Mao, por un tramo do antigo Camiño Real. Neste lugar atopamos un área recreativa con mesas e bancos de pedra, un muíño rehabilitado ( Muíño de Xil), e unha vella fonte coñecida como Fonte do Muíño. Este manantial acadou grande sona entre os veciños do municipio pola peculiaridade de que a auga brotaba uns graos máis quente do normal.
A ruta finaliza á altura da estrada que comunica Lugo con A Pobra do Brollón. A uns 100m merece a pena visitar o Pazo dos Marqueses de Bóveda.
Ruta de Penacoba
Lonxitude:7,6qm.
Dificultade:Baixa.
Duración:2h e 30m
A histórica ferrería de Penacoba no municipio de Bóveda é xunto a de Seoane do Courel, a única da provincia de Lugo que foi restaurada de forma íntegra. As obras concluiron en xullo de 1966 e dende entonces a antiga fábrica de ferro está aberta ás visitas turísticas.
Unha ruta circular de 7,6qm enlaza a localidade de Rubián coa ferrería de Penacoba.
A ruta comeza á saída da localidade de Rubián pola estrada que vai a Eimer. Ós poucos metros hai que torcer á esquerda e tomar unha pista asfaltada. Camiñamos por ela 300m ata chegar á altura do antigo camiño que sae a dereita da estrada e polo cal nos desviaremos. Uns 700m máis adiante tomamos un desvío á esquerda, ata saír a estrada que vai a Penacoba. Hai que torcer á esquerda e camiñar uns metros pola estrada para retomar de novo o camiño.
Outros 100m e saímos a estrada que vai a Remesar. Xiramos á dereita e camiñamos á beira da estrada. No qm 2,4 a estrada cruza o río Penacoba. Seguimos camiñando por ela uns 300m, e pouco antes de chegar a aldea de Souto, hai que desviarse á dereita en dirección a Penacoba. Neste tramo a ruta vai en paralelo o río Penacoba, entre prados e vegetación autóctona.
No qm 4,4 cruzamo-lo río Penacoba á altura do muíño, e máis adiante tomamos a estrada que nos levará de regreso a Rubián. No qm 5,4 saímos a estrada que ven de Rubián e vai a Penacoba e Vilarbuxán. Despois de xirar á dereita e camiñar uns 400m desviámonos á esquerda por un camiño que atravesa o Alto do Pico e comezamos a baixar en dirección a Rubián. No qm 6,9 da ruta hai unha bifurcación, na que torceremos á dereita ata o qm 7,4, onde se sae a unha pista. Ahí tomamos un desvío á esquerda para entrar en Rubián despois de percorrer 200m.